blogaliza: correo anunciando o peche

Nestes ultimos 12 anos blogaliza foi unha illa na rede, un espazo para a lingua, para a expresión e para o intercambio. Pasou por moitas etapas, dende a hospedaxe no Cesga ata o soporte empresarial de Algueirada. Nos últimos tempo voltou ás orixes: ao mantemento exclusivo por parte do seu titular. Os cambios no marco normativo que, nos proximos meses se van producir no noso contexto mudan sustancialmente as implicacións de manter un espazo como blogaliza, polo que xa non podemos seguir adiante. Afogamos, levados tamen polo cambio de escenario no que  significan as comunicación entre persoas en internet, e o que representan os blogues. A Rede non é a mesma de hai 12 anos, e o sentido que tiña daquela blogaliza hoxe os feitos case o deixan sen significado: só mantemos 80 blogues vivos, moitos que madureceron deixaron blogaliza, e moitos máis morreron por inactividade. Se nos últimos anos tentamos alixeirar o sistema, reducindo o spam, convertindo os blogues mortos en páxinas estaticas, agora o cambio normativo fai imposible seguir adiante.

A conclusión, en metáforas é sinxela: o rizoma volta á escuridade, a Zona Temporalmente Autónoma desaparece na neboa e blogaliza pecha as suas portas. En feitos significa que o día 25 de abril habemos apagar o sistema, e deixar de dar servizos en blogaliza. Neste mes que resta podes recoller as tuas cousas e migralas a outros hostings de wordpress. O proceso é sinxelo (Ferramentas -> Exportar) e permitirache seguir a andaina do teu blog en terras máis propicias.

Foron moitos esforzos, moitas ledicias e unha enchente de amizade e vida. Foi un placer. Ate sempre.