A “crónica” de Idacio de Limia, Bispo de Chaves – José Antonio López Silva

A mención de Idacio ten gran importancia por situarnos explícitamente no contexto das alianzas entre bárbaros e bagauda hispánica. A colaboración entre bagaudas e bárbaros é un dos aspectos máis importantes dentro das tensións sociais na Antigüidade Tardía. Os humiliores, as clases máis desfavorecidas, enfróntanse pola forza contra os terratenentes tanto laicos coma relixiosos, co fin de atacar en protesta a estructura social inxusta e desequilibrada do declinante estado romano. Iso motiva en moitos casos a necesidade por parte da aristocracia imperial de aliarse coa aristocracia bárbara para acadar a derrota destes elementos incontrolados, así coma viceversa, a alianza conxuntural de humiliores e bárbaros contra o inimigo común: a clase alta de propietarios detentadora de tódolos privilexios, que mantería nun gume perpetuo unha estructura social complexa e chea de conflictividade